Sobre este arquivo
Que é o APOI?
O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) é o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que
o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego puxo a andar en abril de 2007. Un arquivo público e accesible que ofrece gravacións
orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural.
Para nos, o patrimonio oral pode potenciar dous dos valores que lle asigna ao conxunto patrimonial o antropólogo W.D. Lipe: o valor asociativo,
na medida en que se conservan aspectos do imaxinario e valores do grupo, e o valor informativo, en tanto que se converten en documentos aptos
para a investigación histórica, antropolóxica ou artística, e tamén para a difusión cultural de maneira directa ou indirecta.
Intentamos que a obra dunha institución poida vivir e medrar por si mesma, porque a fagan medrar os seus usuarios, mais aló de onde ela mesma
podería chegar, e darlle con iso á propia institución o maior dos pagos, o de facer o país polo que ten sentido que exista. O APOI pretende ser
un arquivo do pobo galego que teña a ben participar nel.
Por que pensamos que fai falta un arquivo dixital?
Malia o camiño andado por institucións públicas e privadas e por persoas particulares, pensamos que segue sendo necesaria unha recollida e
presentación sistemática de testemuños do noso patrimonio oral, debidamente ordenados e clasificados cuns criterios técnicos que permitan o
acceso a investigadores, mestres, xestores, creadores e promotores culturais e a todo tipo e condición de usuarios.
Un primeiro e grave problema é o estado de conservación dos materiais dispoñibles. Dadas as características técnicas das cintas magnéticas nas
que a maior parte foron recollidos, o seu deterioro é grande, e moitas delas non resistirían máis de unha ou dúas audicións sen agravarse o seu
estado de xeito irreversible; por elo deben ser dixitalizados en canto sexa posible. Un segundo problema é a necesidade de someter os materiais
recollidos "en bruto" a un proceso de edición coa finalidade de trocalos en documentos aptos para a consulta e a divulgación. O proxecto do APOI
abrangue as seguintes etapas:
1. Dixitalización dos materiais orixinais cedidos polos compiladores
2. Edición das gravacións.
3. Transcrición dos materiais. Recompilación dos datos asociados ao material.
4. Confección do arquivo sonoro. Creación da base de datos referencial e documental
anexa aos rexistros de son.
Que datos han de se incorporar ao arquivo ademais das gravacións?
Optamos por crear unha ampla base de datos que permitise albergar un gran número rexistros de interese etnográfico e cultural no sentido mais
xeral. Isto dará oportunidade aos usuarios de faceren estudos relacionais e, no seu caso, empregar criterios de busca non habituais. Partimos
da certeza de que os fenómenos culturais son altamente interdependentes e dificilmente separables nas súas manifestacións e que as abordaxes
interdisciplinarias serán as máis enriquecedoras para unha comprensión integrada da nosa historia e a nosa cultura.
Organizouse así a base de datos incorporando epígrafes en relación con:
- Os datos de identificación e rexistro da peza.
- O traballo de campo no que se obtivo: datos do compilador, informante, intérprete... ; o entorno xeográfico e temporal e o entorno de uso
da peza.
- As características técnicas do rexistro de sonoro: O soporte orixinal, procesado dixital, delimitación e corte da peza e os datos do
técnico dixitalizador.
- O traballo de transcrición: datos e características da peza, texto, música e letra (de ser o
caso) e os datos do transcritor.
- O estudo teórico da peza: documentos, textos e publicacións sobre a peza; vídeos, fotografías e outros rexistros dixitais; datos sobre
existencia de variantes e mesmo referencias doutros estudos ou publicacións xa existentes.
Cal é o proceso que segue a información recibida no APOI?
Cando unha peza ou conxunto de pezas entra no APOI o cedente a incorpora (asinando en persoa e data a súa cesión) para facela pública e
convértese así publicamente en “autor” do seu traballo de recollida. Reciprocamente, a institución receptora dá conta por escrito da súa
recepción en persoa e data. Cada vez que se amose e publique un rexistro do arquivo, preséntase a peza anexa aos datos de autoría de todos
os traballos que leven, tanto os traballos de campo (recollida e compilación), coma os traballos técnicos (dixitalización) ou teóricos
(transcrición, análise, estudos varios...). Todos poderán utilizalos baixo a condición de citar lexitimamente a fonte coa correspondente
autoría. En todo caso, o rexistro de entrada no arquivo dará sempre conta da data e persoa que fixo a entrega orixinal e a prelación temporal
e autoría serán derivadas e respectadas.
Desde o momento en que os autores cedan ao APOI os seus materiais de calquera carácter, pasarán, como tales autores, a formar parte dos
fondos do propio arquivo na súa condición de compiladores, informantes, transcritores, estudosos,... e figurarán nos listados públicos que o
arquivo ofrece para cada condición que puidera ser obxecto de busca. Isto asegurará o recoñecemento público da súa autoría en relación co
traballo que figura anexo á súas fichas e fará posible que, preservando o seu recoñecemento, todo o público poida aproveitar lexitimamente
os froitos do seu traballo.
Os primeiros fondos musicais do APOI foron aportados por Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini), quen, cando cederon o seu
arquivo persoal ao Museo do Pobo Galego, fixeron sempre explícita a súa firme opción por facer públicas as súas gravacións para que "volvan
ao pobo do que saíron, tal como a xente do pobo llas fixo chegar a eles". Esta entrega xenerosa non constitúe a súa contribución exclusiva,
senón que manteñen a colaboración nos traballos de edición e información dos materiais.
Acerca do repositorio
O soporte informático do APOI está baseado na plataforma dixital
ePrints, un repositorio en acceso aberto desenvolvido pola Universidade de
Southampton, que ten como finalidade recompilar, xestionar, difundir e preservar a produción científica e dixital froito da actividade de
investigadores e grupos de investigación, co fin de favorecer a súa visibilidade e impacto.
O APOI ten subscrita unha licenza
Creative Commons (CC), que permite empregar o material dispoñible no repositorio para fins sen ánimo de
lucro, simplemente citando a procedencia. Outro tipo de usos dos seus contidos require a autorización expresa do Museo do Pobo Galego.
Equipo de traballo
Instituto de Estudos das Identidades (Museo do Pobo Galego): Carlos García Martínez†. Xosé Manuel González Reboredo. María Xosé Fernández
Cerviño. Manuel Vilar Álvarez.
Coordinadora: Concha Losada Vázquez
Etnomusicólogo: Sergio de la Ossa
Técnicos: César Martínez†. Paco Cerdeira. Manuel Varela.
Colaboradores: Olga Szalay e Mária Domokos (Academia Húngara das Ciencias). Xabier Groba. José Luís do Pico. Ramom Almuinha (aCentral Folque). Nuria De León.
Patrocinadores:
Xunta de Galicia
Deputación de Lugo
Deputación da Coruña